Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

6/03/2024

A volta ao mundo dun forro polar vermello


      A volta ao mundo dun forro polar vermello, de Wolfgang Korno, libro que recibiu o premio alemán ao mellor libro xuvenil de divulgación científica, seleccionouse como lectura do club coa intención de axudar ao alumnado a cuestionar as relacións que se establecen no comercio do mundo globalizado. Dada a importancia e interese do seu contido, a coordinadora dos clubs decidiu propoñelo como lectura obrigatoria nos dous grupos de 4º ESO.

Neste labirinto do mercado internacional serve de fío narrativo a historia dun escritor que ve na televisión a un inmigrante a bordo dun caiuco vestido cun forro polar vermello que el mesmo tirara ao colector uns meses atrás. Como chegou o seu forro polar a esa persoa? E como se fabricou a peza e chegou ao armario do escritor?


 


Tras a súa lectura preguntámonos distintas cuestións como de onde vén a tea da camiseta que levamos posta ou quen a coseu e en que circunstancias ou onde se fabricou o caderno que temos enriba da mesa.


Por último, cada integrante do club, realizou un pequeno discurso ("elevator pitch") de vinte segundos, escollendo previamente o tema de debate: globalización, explotación laboral, emigración, etc. Temas que foron tratados ao longo do libro de forma moi documentada.


Nenhum comentário: