Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

4/14/2025

Veinte mil leguas de viaje submarino


     A lectura desta adaptación de Veinte mil leguas de viaje submarino, de Julio Verne, serviunos para traballar co alumnado de 1º ESO distintos aspectos da obra e propor un debate no que se analizaron as características dos distintos personaxes: a moralidade e a procura da xustiza na figura do Capitán Nemo ou a cooperación e a lealtade entre o profesor Pierre Aronnax, o seu criado Conseil e o arpoador Ned Land, que lles permite superar as adversidades ás que se enfrontan. Falamos tamén da fraxilidade dos ecosistemas mariños e da importancia da súa conservación, así como dos avances científicos e tecnolóxicos da época, como a construción do Nautilus ou os inventos do Capitán Nemo.

    Como actividade complementaria á lectura, o alumnado visitou o Museo Massó e participou nunha serie de propostas relacionadas coa navegación e a orientación marítima. Puidemos ver unha exposición articulada ao redor da idea da conquista do mar, dedicada a disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval. Explicáronnos o funcionamento de distintos instrumentos de navegación, entre eles o astrolabio, usado para determinar a posición das estrelas e observar o seu movemento, medir distancias ou calcular a latitude a partir da hora. 

     Ademais, o alumnado fabricou un planisferio celeste (o astrolabio é un predecesor do moderno planisferio), a partir de dous discos de cartolina xiratorios, e fixeron prácticas de identificación de estrelas e constelacións. Tamén aprenderon a realizar distintos nós mariñeiros e a partir dun destes deseños elaboraron un chaveiro.