Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

3/17/2024

"A lebre mecánica" e "Que me pare o corazón se te esquezo"

 

    O club de lectura de 3º ESO xuntouse esta semana para falar de dous libros que tratan problemas que afectan na actualidade a moitos mozos e mozas, por un lado a ludopatía e as apostas en xogos ou competicións e por outro determinadas condutas perigosas nas redes sociais. "A lebre mecánica" de Ledicia Costas e "Que me pare o corazón se te esquezo" de Andrea Maceiras, permitiron adentrarnos en mundos moi perigosos e de fácil accesibibilade para a xuventude.    

As cousas entre Nana e Corvo ultimamente non van nada ben. Conseguiran construír un mundo onde compartían todo: películas, música, manga, videoxogos... Non querían separarse nunca. Mais iso era antes. Agora Corvo desaparece durante horas e non conta onde vai. Cando Nana lle pregunta que lle pasa, enfádase. No seu grupo de amigos ninguén comprende que lle sucede. Desde que empezou a ir en serio coas apostas semella outro. O que antes era pura diversión converteuse nun pesadelo. Case sen decatarse, Corvo acaba metido nunha rede de problemas da que semella imposible saír. 


Sinopse publicada pola Editorial Xerais 

 

    Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo. Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte. Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón. Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz. 

Sinopse publicada pola Editorial Xerais 

1/30/2024

O valo


  Para conmemorar a data de hoxe, Día da Paz, a coordinadora dos Clubs de Lectura propón para 1º ESO a obra “O valo”, de Carlos Labraña.

 

"No medio do deserto, o Soldadiño de Chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame xusto onde o mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, unha rapaza que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Peza dun único lance para dous personaxes coa guerra de Siria como pano de fondo, “O valo” propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades."


Sinopse publicada por Editorial Xerais


      Durante as vindeiras xuntanzas do club faremos unha lectura dramatizada, na que o alumnado caracterizarase interpretando os distintos personaxes da obra.


 

1/27/2024

Lecturas de Miserábeis

     Este curso retomamos no centro Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a nosa Comunidade Educativa traballou con grande dedicación durante os cursos 18/19 e 19/20. En marzo de 2020 a pandemia impediu a súa continuidade e agora o claustro do centro aprobou poñelo novamente en marcha, facendo partícipe ao alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais do IES Illa de Ons. 

     Desde a biblioteca seleccionáronse tres adaptacións da obra mestra de Víctor Hugo para a súa lectura nos grupos de 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO. Deste xeito facilitarase ao alumnado coñecer mellor a historia de Jean Valjean e dos personaxes de todas as clases sociais que o rodean, na Francia do século XIX.