Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

5/10/2018

Cantos que veñen de lonxe

     A seguinte obra, que ademais de ler escoitaremos, será o libro-CD Cantos que veñen de lonxe de Xosé Neira Vilas.  Trátase dunha recompilación de doce poemas, escritos por Xosé Neira Vilas e musicados en 1960 en Montevideo polo tenor celanovés Xervasio Vázquez, e que nesta ocasión son interpretados polo tenor Cesáreo Torres acompañado ao piano por Alejo Amoedo.


     
     O autor de Memorias dun neno labrego centrou as súas obras no mundo rural de Galicia e na emigración, na que tantos anos pasou. Como el mesmo escribiu "Estes versos conteñen desacougos, saudade, ansias reivindicativas, amor á patria afastada. Escribinos cando levaba sete anos emigrado, e fixéronse canto da man doutro emigrante".
     
     Como actividade complementaria á lectura desta obra e da novela gráfica Emigrantes de Shaun Tan, que traballaremos en 2º ESO, organizaremos unha saída didáctica a Celanova, terra de Curros Enríquez, outra figura da emigración galega.