Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

12/20/2019

El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora.

     Durante estas semanas, nos clubs de lectura dos distintos niveis, estivemos a ler varias pezas teatrais breves incluídas nos distintos volumes da colección "El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora." Desde 2011 a Asociación de Autores de Teatro vén publicando un volume por ano desta colección de textos teatrais breves, dedicado ao público novo.

11/26/2019

Primeiras actividades do club

     Durante as primeiras xuntanzas dos clubs de 1º ESO fixemos varias actividades parateatrais, destinadas a preparar ao alumnado para as lecturas deste curso. Inventamos varias pezas dramáticas para representar en grupos de 3, 4 ou 5 alumnos/as, que debían executar escenas sen palabras de entre 5 e 10 minutos, para que o resto do grupo acertase a contar o que alí ocorrría. 
     Como esta actividade foi do agrado de todos os participantes, na seguinte xuntanza repetimos a experiencia nos grupos de 1º ESO e, visto o éxito desta proposta, tamén foi realizada nas dúas primeiras xuntanzas dos clubs de 2º ESO e 3º ESO.

10/15/2019

Clubs de lectura 19/20

Benvidos/as un ano máis ao blog onde imos subindo as novas sobre os nosos clubs de lectura. Este curso uns 75 alumnos/as distribuídos en grupos de distintos niveis educativos formarán parte dos clubs de lectura: tres con alumnado de 1º de ESO (12 alumnos/as por grupo), dous con alumnado de 2º ESO (10 alumnos/as por grupo), un con alumnado de 3º ESO (10 alumnos/as por grupo) e outro con alumnado de 4º ESO (8 alumnos/as por grupo). A participación estará aberta ao resto do alumnado para todas as actividades complementarias. 
A coordinadora dos clubs será Lourdes Garrido Campos, profesora do departamento de Lingua Castelá e Literatura, e con ela colaborarán Xoán Xosé Rodríguez Rivas, profesor de Lingua Galega e Literatura; Marisa Mallo Camaño, profesora do departamento de Lingua Castelá; Xosé Antón Guitián Fernández, profesor de Pedagoxía Terapéutica e director do centro e Literatura e Olalla García San León, profesora de Educación Plástica e Visual e coordinadora do equipo da Biblioteca. Así mesmo, profesorado doutros departamentos e persoal non docente do noso centro ofrecen a súa axuda para colaborar en diferentes propostas. 
As actividades inicialmente programadas son as seguintes:
  • Lectura de textos, especialmente dramáticos (fundamentalmente en lingua galega) e intercambio de ideas e opinións sobre os mesmos.
  • Lectura de textos relacionados coa natureza co fin de facer saídas e actividades na nosa contorna: avistamento de aves, recoñecemento do canto, animais en perigo de extinción…
  • Colaboración cos centros da vila para a celebración da III Feira de Ciencia e Literatura.
  • Lectura de novelas gráficas para fomentar a interpretación de narracións a través de imaxes.
  • Dramatización de textos teatrais e caracterización de personaxes, actividade con maior grado de motivación para o alumnado.
  • Análise dos aspectos máis relevantes das obras en cada reunión, na que se intercambiarán impresións para apreciar os posibles matices da lectura e expoñeranse as opinións persoais sobre a mesma.
  • Elaboración de hipóteses por parte do alumnado sobre a seguinte lectura a partir do título da mesma, anotación das diferentes expectativas e comparación destas unha vez lida a obra.
  • Lectura en común con outro club de lectura doutro centro da localidade ou da comarca para o establecemento dun debate aproveitando a tecnoloxía dixital. As reunións con estes clubs celebraranse, igual que o curso pasado, no noso centro, en horario de club de lectura.
  • Convocatoria de dous concursos literarios de relatos (un en galego e outro en castelán) en colaboración coa ANPA.
  • Escolla de fragmentos representativos, á vez que atractivos, de obras nas linguas que se imparten no IES e colocación en diferentes lugares do centro para que o resto do alumnado teña que adiviñar de que obra se trata.
  • Realización de sesións de contacontos para o alumnado de Primaria dos centros adscritos e para os rapaces do propio centro.
  • Utilización das novas tecnoloxías para o seguimento das actividades que se leven a cabo desde o club.
  • Charla con distintos profesores e personalidades de Bueu sobre a súa experiencia vital coa lectura.
  • Petición a persoas pertencentes á comunidade educativa (profesores/as e persoal non docente) para que lles empresten o libro que máis lles gustou sendo adolescentes e promover un concurso onde teñan que investigar, a través de pistas, a quen pertence.
  • Participación no blog onde os participantes poidan comunicar as súas experiencias lectoras.
  • Asistencia a unha sesión de teatro escolar, recital poético ou película relacionada coas lecturas.

7/01/2019

Lecturas para o verán


     A coordinadora do club adquiriu, a comezos do mes de xuño, unha serie de libros para ler este verán e tantealos como posibles lecturas para os clubs do vindeiro curso. Todos eles tratan diferentes aspectos relacionados co mundo natural que nos rodea.

Cartas a un mozo científico 

Wilson, Edward O.

Edward O. Wilson aconsella aos investigadores presentes e futuros, e comparte a súa sabedoría coas novas xeracións de científicos a través de anécdotas autobiográficas que forxaron a súa carreira como científico.

Os últimos nenos no bosque

Luov, Richard

Acampar no xardín, andar en bicicleta polo bosque, rubir ás árbores, recoller insectos, recoller flores silvestres, correr entre pilas de follas de outono... Estas son as cousas das que están feitos os recordos de infancia. Os últimos nenos no bosque é o primeiro libro que reúne investigacións de vangarda que demostran que a exposición directa á natureza é esencial para un desenvolvemento infantil san: físico, emocional e espiritual.

O sentido do asombro 

Carson, Rachel

"Para manter vivo nun neno o seu innato sentido do asombro, necesítase a compaña de polo menos un adulto con quen poder compartilo, redescubrindo con el a alegría, a expectación e o misterio do mundo en que vivimos".

A banda da tenaza 

Abbey, Edward

Algo que lles indigna, ver o magnífico deserto do Oeste norteamericano desfigurado polas grandes companías industriais. Por iso, os catro rebeldes protagonistas deciden plantarlle cara á "gran máquina" e facer unha persecución de todo aquilo que pretendidamente chaman "civilización" e que non fai outra cousa que subverter "a orde natural" das cousas. Sen dúbida, unha denuncia dos excesos do mundo das corporacións industriais e do consumismo, un canto á natureza e un himno á desobediencia civil.

A historia natural de Selborne 

White, Gilbert

A finais do século XVIII, o cura anglicano Gilbert White, un home tranquilo que dedicou a maior parte do seu tempo para estudar a vida e as conversacións dos animais, publica unha serie de cartas nas que describe o mundo natural que ten ao seu ao redor.

A vida do pastor. A historia dun home, un rabaño e un oficio eterno

Rebanks, James

A vida do pastor é un cautivante relato sobre o oficio da familia Rebanks, pero sobre todo é un libro que fala da tradición, as raíces e o sentimento de pertenza, tan deostado nesta era de innovación e mobilidade constante, onde o cambio permanente parece imprescindible e sempre é benvido.

O clamor dos bosques 

Powers, Richard

Se as árbores puidesen falar, que dirían?
Un xefe de carga das Forzas Aéreas en Vietnam sae disparado polo ceo e sálvase ao caer sobre un baniano. Un artista herda cen anos de retratos fotográficos, todos do mesmo castiñeiro americano maldito. Unha universitaria trouleira electrocútase a finais dos oitenta, morre e regresa á vida grazas a unhas criaturas de aire e luz. Unha científica con problemas de oído e de fala descobre que as árbores comunícanse entre si. Estes catro personaxes e outros cinco descoñecidos máis, todos eles convocados polas árbores de diferentes modos, reúnense nunha última e violenta batalla para salvar os poucos acres de bosque virxe que quedan no continente americano.

Soños árticos 

Lopex, Barry

Unha cegadora paisaxe hostil de xeo que é fogar de millóns de animais e persoas; escenario de migracións masivas por terra, mar e aire; e escenario de épicas viaxes exploratorios. Soños Árticos non só é o relato dunha viaxe inesquecible, onde os perigos e belezas do Ártico danse a man, senón tamén un minucioso exame sobre as xentes, a fauna e a flora que habitan un lugar pouco coñecido aínda.

Alá lonxe e tempo atrás 

W. H. Hudson

Alá lonxe e tempo atrás é un fermoso libro de memorias no que o autor evoca os anos da súa infancia en Arxentina. Páxina a páxina, Hudson conta os seus paseos polas pampas, a vida dos gauchos, os pintorescos personaxes cos que se cruzou, as aventuras vividas entre os animais e as plantas das chairas, o seu amor pola súa nai e a enfermidade que acabou inesperadamente co paraíso perdido da infancia.

6/30/2019

Excursión dos clubs de lectura

O pasado xoves foron de excursión a Ourense os participantes nos clubes de lectura de 1º, 2º e 3º ESO, acompañados polas profesoras Lourdes Garrido e Olalla García.


     A nosa primeira parada foi Celanova. Alí percorremos o conxunto arquitectónico do Mosteiro de San Salvador, facendo breves altos nalgúns dos espazos para recitar versos de Celso Emilio Ferreiro. 

     No mosteiro un guía explicounos con detalle a historia das distintas construcións: os claustros, a igrexa do século XVII (o retablo, o coro baixo, o órgano), a capela San Miguel... Na igrexa descubrimos que a profe Lourdes Garrido, coordinadora dos clubs de lectura, provén dunha familia de artistas, coñecidos como "Os escultores de Parderrubias", e que no seu taller de escultura relixiosa construíron algunhas das pezas que hoxe atopamos na igrexa. Dúas das cousas que  máis nos impresionaron foron a capela mozárabe de San Miguel (declarada monumento nacional en 1923) e a Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, que ten o seu espazo físico na antiga biblioteca dos monxes do  “Claustro do Poleiro”. A biblioteca conta cunha interesante exposición, organizada dentro da campaña Voces de Muller, con escolmas de mulleres célebres en diversos ámbitos (literatura, ciencia, política, artes escénicas...).


     O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a darnos uns chapuzóns no río Arnoia, aínda que moita calor non ía. Algunha tamén aproveitou para botar unha sestiña...


     Para finalizar a nosa viaxe e relaxarnos un pouco fomos ás termas de Outariz, situadas á beira do río Miño, en Ourense. Alí estivemos a remollo nas distintas pozas de auga fría e quente.
 

     Para o vindeiro curso repetimos!!!! 

6/05/2019

Farsa Plautina e La Celestina


    A obra Farsa Plautina, de Agustín Magán, serviunos de introdución a La Celestina, cuio 1º auto está baseado, entre outros, nas obras de Plauto. Farsa Plautina é unha obra feita a partir de motivos e rasgos argumentais recollidos de seis obras de Plauto, polo que presenta unha visión xeral da vitalidade de produción deste autor: a vida das clases altas e baixas, a crítica social, a parodia, os equívocos sociais, etc. É unha obra tremendamente divertida e con moitos personaxes, o que nos viña moi ben.


      La Celestina, de Fernando de Rojas, dado que é unha obra difícil e que entra no programa de Lingua Castelá e Literatura de 3º ESO, pareceunos interesante a todos os compoñentes do club facer unha lectura dramatizada, recreando deste modo a finalidade para a que foi realizada: lectura en voz alta, en varias sesións. No lugar de facer unha tertulia con comentarios ao final da lectura, optamos por ir interrumpindo a obra e explicar os aspectos máis interesantes tanto desde o punto de vista literario e dramático (a posibilidade de un ou dous autores, os aspectos sociais e económicos do paso da Idade Media ao Renacemento...) como dos aspectos que chamaban a atención ao alumnado, a fin de comprender na súa totalidade e complexidade esta obra mestra. É moi sorprendente ver como, a pesar dos séculos, a obra conecta cos alumnos e son capaces de entender a ironía, as bromas e, en definitiva, apreciar a crítica que encerra pero tamén o humor.

6/01/2019

Lecturas en portugués

     Estudantes de 1º de ESO de Lingua Portuguesa participaron en maio nunha actividade organizada polo club de lectura por volta dos libros que até o de agora foran adquiridos para este departamento e outros títulos adquiridos nese mes polo propio club.
     A actividade tivo un carácter máis distendido do que o club de lectura en galego, posto que, malia a identidade lingüística, o alumnado non ten desenvolvido aínda moita habilidade para a lectura de textos longos, que por veces se complican a causa de determinado vocabulario ou expresións que non son coñecidas no galego.
     Tratábase de organizar un tempo e un espazo para gozaren coa lectura, polo que a actividade celebrouse na biblioteca e consistiu na lectura individual de diferentes títulos para logo a seguir pór en común o que viñan de ler, se lles gustara ou non e se o recomendarían a outra persoa. Entre os títulos encontrábanse novelas curtas, relatos, banda deseñada e mesmo libros de troquelados para encontraren respostas a preguntas, do estilo “O libro dos por que”. 
Títulos seleccionados:
·       "O gato Malhado e a Andorinha Sinhá " de Jorge Amado.
·       "A maior flor do mundo" de José Saramago.
·       "Tintín na América" de Hergé.
·       "Tintin - Voo 714 para Sidney" de Hergé.
·       "O Dragão" de Luísa Ducla Soares.
·       "História de uma baleia branca" de Luis Sepúlveda.
·       "O Homem Que Plantava Árvores" de Jean Giono.
·       "Bichos" de Miguel Torga.
·       "E a Montanha Cantará para Ti" de Cosey.
·       "A história do Pedrito Coelho" de Beatrix Potter.
·       "Espreita - Perguntas e Respostas sobre..." de Porto Editora.
·       "Espreita a História de Portugal" de Porto Editora.

5/02/2019

Club de lectura co CEIP de Ardán

   O pasado venres, unha parte do alumnado de 1º ESO do club de lectura "Ons, a illa do tesouro" gozamos dunha nova xornada de xogos e lecturas. Nesta ocasión recibimos a visita do alumnado de 6º do CEIP Ardán que viñeron acompañados do seu titor José Ángel. Coma noutras ocasións comemos todos xuntos e logo xogamos no patio aos xa coñecidos "Bull-dog" e "Catapún, chimpún". Na biblioteca, Telmo e David substituíron a Antía e Carla nos papeis da peza teatral que viñan representando nas anteriores xornadas do club de lectura compartido. Despois, algúns alumnos e alumnas de 1º ESO leron a obra teatral "Misterio no Instituto", creada pola profesora Lourdes Garrido. No seguinte vídeo podedes ver o resumo destas actividades.

4/08/2019

Del color de la leche


     A lectura que está a traballar o club de lectura de 2º ESO é Del color de la leche, unha obra de Nell Leyson que relata a loita dunha nena analfabeta que vive no medio rural, na Inglaterra do século XIX, por aprender a ler. É verdadeiramente unha loita, pois debe enfrontarse ás convencións da época e aos abusos por parte dunha sociedade machista.

3/31/2019

A incríbel viaxe de Noa


     Xoan Rodríguez, profesor de Lingua Galega e Portugués, desenvolveu esta actividade ao longo do segundo trimestre durante os recreos dos mércores alternos. Nela participaron 11 alumnos e alumnas de 1ºA e 1ºB. A lectura fixo parte tamén da súa cualificación académica en Lingua Galega e a actividade desenvolveuse por volta dos diferentes capítulos da novela, que eran lidos previamente a cada reunión, polo que se puñan en común as opinións e os comentarios que xurdían. Posto que se trata dunha obra de ciencia-ficción, nalgunas ocasións os alumnos e alumnas levaron preguntas para as súas profesoras de ciencias, pois aparecen referencias precisas a cuestións como gases, minerais, xenética, alteración climática… O libro serviu tamén para que se debatese o movimento feminista actual (sendo a protagonista unha rapaza intelixente e decidida) e a cuestión do quecemento global e as súas causas, así como das accións posíbeis a realizar por eles e elas, entre estas accións houbo referencias á mobilización mundial da xuventude promovida pola rapaciña sueca que lidera esta loita no planeta. O libro gustou moito tanto polas personaxes como polo desenvolvemento narrativo e os contidos que del aparecía, tamén lles resultou moi interesante que se tratase dun autor e unha editorial pouco coñecidas.

3/18/2019

Club de lectura e xogos co CEIP Torre-Cela

     O alumnado de 1º da ESO A do club de lectura "Ons, a illa do tesouro" recibimos o pasado venres ao alumnado do club de lectura CEIP Torre-Cela, acompañados da súa profesora Sandra. Comemos todos xuntos e logo xogamos no patio, nun día espléndido, ao "Bull-dog", "O pobo dorme" e ao "Catapún, chimpún". Na biblioteca, Antía (3ºA) e Noel (1ºA) -facendo estupendamente un papel feminino- representaron unha breve peza teatral sobre os problemas das parellas de adolescentes. Despois, unha parte do alumnado de 1ºA leu unha peza teatral creada á súa medida para reflectir as relacións entre eles e dentro do centro. Unha xornada realmente divertida que resumimos neste vídeo, editado por Ariadna Domínguez a partir das imaxes gravadas por Gabriel e Laura.


2/24/2019

Visita dos "Belulectores"

     O club de lectura de 1ºB recibiu o pasado venres ao alumnado do club de lectura de 6º do CEIP Montemogos, os "Belulectores" que veu acompañado por Mª José, profesora que coordina a biblioteca deste centro de Beluso.
    Despois de comer, tanto a rapazada como as profes xogaron a "Catapúm Chimpúm" e "Bulldog", e algún que outro improvisou pasos de baile máis que modernos. A continuación, na biblioteca, repetimos as actividades da xuntanza da pasada semana co club de lectura de 1ºA co CEIP A Pedra: Antía e Carla de 3ºA fixeron unha dramatización da peza teatral Mándame un Whatsapp e o alumnado de 1ºB leu a obra Misterio no Instituto, pero nesta ocasión coa colaboración de Antón, o director do centro, que fixo unha interpretación de si mesmo.
     Xa sabedes, cando queirades repetimos!

2/22/2019

Lecturas da autora Ledicia Costas


     O alumnado de 2º ESO traballou, neste segundo trimestre, sobre a figura da muller na ciencia e a literatura. Os libros de lectura seleccionados nesta ocasión foron A balada dos unicornios e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, da autora Ledicia Costas. A escritora viguesa foi Premio Nacional de Literatura e Xuvenil en 2015, ademais de ter acadado moitos outros recoñecementos ata o momento. Estas dúas lecturas gustaron moito ao noso alumnado que ademais tiveron a ocasión de coñecer á autora nunha charla coloquio organizada polo IES Johan Carballeira. 
A balada dos unicornios
     A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod, a protagonista da balada dos unicornios é unha nena mecánica (con ollos artificiais) que é unha verdadeira xenio, aínda que a súa tía Cornelia, que dirixe a escola en plan ditadora axudada por un exército de arañas hipnotizantes, non llo poña fácil para destacar. E é que Cornelia é unha bruxa, pero das de verdade. Practica maxia escura e encerrou a León, o mellor amigo de Ágata, para extraerlle pinga a pinga o seu caudal de maxia. Ademais, como aliado ten a unha especie de Jack o destripador, un asasino que desgarra ás súas vítimas sen piedade. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos.
 Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
     O 21 de maio de 1884 Jules Verne chegou a Vigo a bordo do seu impoñente iate. O afamado novelista levaba moito tempo atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Lograría por fin, logo de tantos anos de busca, atopalas naquela baía? Na botica do vello Philipot custódiase un importante segredo: alí, aparentando normalidade, viven a avoa Melisa e Violeta, dúas mulleres rodeadas dun halo de misterio. A chegada de Jules Verne á botica revolucionará as vidas desta singular familia. O tempo esgótase: a avoa Melisa está enferma e necesitan atopar unha cura. Mais hai ocasións en que non se pode loitar contra a forza da natureza. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta é unha homenaxe ás novelas de aventuras, unha viaxe no tempo cargada de maxia onde todo é posible.
Charla coloquio da autora
     Como actividade complementaria a estas dúas lecturas, os alumnos e alumnas de 2º ESO acompañados polos profesores Anxo e Xoán, de Lingua Galega e Literatura, asistiron a unha charla coloquio da autora, á que fomos convidados polo IES Johan Carballeira. Os libros que centraron o debate foron "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta", "A balada dos unicornios", "A señorita Bubble" e "As peripecias de Extravaganzza Pérez", historias nas que se mesturan a paixón pola literatura e a ciencia e que, por outra banda, teñen como obxectivo reivindicar a aportación da muller no saber científico.
Podedes ver imaxes do acto na seguinte entrada da biblioteca do IES Johan Carballeira.

2/17/2019

Cub de lectura compartido

     O pasado venres o club de lectura de 1º ESO A tivo uns invitados moi especiais, o voluntariado da Biblioteca do CEIP A Pedra, que visitaron o noso centro para compartir unha tarde de xogos e lecturas.

     Os rapaces e rapaces, acompañados polas súas profesoras Lina e Macu, achegáronse ao noso centro e, despois de comer no patio, divertímonos cos xogos organizados por Sabela, profesora de inglés do IES Illa de Ons. A continuación trasladámonos á biblioteca onde as alumnas Antía e Carla (de 3º ESO) fixeron unha lectura dramatizada da pequena peza teatral Mándame un Whatsapp de Fernando J. López (incluída na obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora - IV). Ademais, alumnos e alumnas de 1º ESO A interpretaron unha pequena obra de teatro, protagonizada por eles mesmos e escrita pola profesora Lourdes Garrido, coordinadora dos clubs de lectura. Finalmente compartimos algunhas risas coas imitacións e interpretacións improvisadas que realizaron rapaces e rapazas dos dous centros.

     Agardámosvos novamente cando queirades!

1/25/2019

O imaxinario do país

     Hoxe, venres 25 de xaneiro, ás 20:00 h. na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa de Bueu, terá lugar a presentación da exposición fotográfica de Anxo Cabada titulada O imaxinario do país e a continuación celebrarase un recital poético.
     O sábado 26, as 20:00 h, presentarase o documental Vértice de versos sobre a traxectoria da literatura galega nos últimos anos.


      Ambos os dous actos son organizados pola Asociación de Veciños da Banda do Río, co apoio do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, Teatro Scenae, Librería Abrente e Librería Miranda.