Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

4/07/2022

    O luns tivo lugar na biblioteca do noso centro un encontro literario dos grupos de 4º ESO con Eva Mejuto. Tras unha breve presentación do seu traballo xeral como escritora, a autora expuxo as súas motivacións para crear o relato de “Matilde”, premiado no XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares. Eva explicou como se desenvolveu o seu traballo de investigación sobre a figura da mestra Matilde Bares, que exerceu a docencia entre finais do século XIX e principios do XX nunha escola situada no barrio de Banda do Río na nosa localidade. 

     Durante o encontro, Eva Mejuto preguntou ao alumnado se coñecía a existencia desta muller e do seu importante labor educativo, non só no ámbito escolar senón tamén polo seu grande compromiso social, xa que polas tardes ensinaba a ler, a escribir, matemáticas básicas… aos veciños do pobo que decidían emigrar, co obxectivo de que tivesen unha formación mínima para ser capaces de saír adiante na súa nova vida. A autora animou ao alumnado a opinar e debater sobre varios temas que se tratan no libro, como a violencia silenciada que se exercía sobre as mulleres, o problema do analfabetismo, a situación social da época e a necesidade de emigrar. Tamén falou dos distintos personaxes que aparecen no libro, algúns deles reais, e a súa importancia no desenvolvemento do relato. Finalmente comentáronse as imaxes creadas por Bea Gregores para ilustrar “Matilde” e a súa importancia á hora de transmitir sentimentos utilizando distintos recursos visuais.