Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

10/15/2019

Clubs de lectura 19/20

Benvidos/as un ano máis ao blog onde imos subindo as novas sobre os nosos clubs de lectura. Este curso uns 75 alumnos/as distribuídos en grupos de distintos niveis educativos formarán parte dos clubs de lectura: tres con alumnado de 1º de ESO (12 alumnos/as por grupo), dous con alumnado de 2º ESO (10 alumnos/as por grupo), un con alumnado de 3º ESO (10 alumnos/as por grupo) e outro con alumnado de 4º ESO (8 alumnos/as por grupo). A participación estará aberta ao resto do alumnado para todas as actividades complementarias. 
A coordinadora dos clubs será Lourdes Garrido Campos, profesora do departamento de Lingua Castelá e Literatura, e con ela colaborarán Xoán Xosé Rodríguez Rivas, profesor de Lingua Galega e Literatura; Marisa Mallo Camaño, profesora do departamento de Lingua Castelá; Xosé Antón Guitián Fernández, profesor de Pedagoxía Terapéutica e director do centro e Literatura e Olalla García San León, profesora de Educación Plástica e Visual e coordinadora do equipo da Biblioteca. Así mesmo, profesorado doutros departamentos e persoal non docente do noso centro ofrecen a súa axuda para colaborar en diferentes propostas. 
As actividades inicialmente programadas son as seguintes:
  • Lectura de textos, especialmente dramáticos (fundamentalmente en lingua galega) e intercambio de ideas e opinións sobre os mesmos.
  • Lectura de textos relacionados coa natureza co fin de facer saídas e actividades na nosa contorna: avistamento de aves, recoñecemento do canto, animais en perigo de extinción…
  • Colaboración cos centros da vila para a celebración da III Feira de Ciencia e Literatura.
  • Lectura de novelas gráficas para fomentar a interpretación de narracións a través de imaxes.
  • Dramatización de textos teatrais e caracterización de personaxes, actividade con maior grado de motivación para o alumnado.
  • Análise dos aspectos máis relevantes das obras en cada reunión, na que se intercambiarán impresións para apreciar os posibles matices da lectura e expoñeranse as opinións persoais sobre a mesma.
  • Elaboración de hipóteses por parte do alumnado sobre a seguinte lectura a partir do título da mesma, anotación das diferentes expectativas e comparación destas unha vez lida a obra.
  • Lectura en común con outro club de lectura doutro centro da localidade ou da comarca para o establecemento dun debate aproveitando a tecnoloxía dixital. As reunións con estes clubs celebraranse, igual que o curso pasado, no noso centro, en horario de club de lectura.
  • Convocatoria de dous concursos literarios de relatos (un en galego e outro en castelán) en colaboración coa ANPA.
  • Escolla de fragmentos representativos, á vez que atractivos, de obras nas linguas que se imparten no IES e colocación en diferentes lugares do centro para que o resto do alumnado teña que adiviñar de que obra se trata.
  • Realización de sesións de contacontos para o alumnado de Primaria dos centros adscritos e para os rapaces do propio centro.
  • Utilización das novas tecnoloxías para o seguimento das actividades que se leven a cabo desde o club.
  • Charla con distintos profesores e personalidades de Bueu sobre a súa experiencia vital coa lectura.
  • Petición a persoas pertencentes á comunidade educativa (profesores/as e persoal non docente) para que lles empresten o libro que máis lles gustou sendo adolescentes e promover un concurso onde teñan que investigar, a través de pistas, a quen pertence.
  • Participación no blog onde os participantes poidan comunicar as súas experiencias lectoras.
  • Asistencia a unha sesión de teatro escolar, recital poético ou película relacionada coas lecturas.