Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

12/20/2018

Clubs de Lectura - Curso 18/19

     Un ano máis o noso centro presentouse á convocatoria de apoio ao funcionamento de clubs de lectura e a nosa solicitude foi admitida. Este curso incrementamos o número de clubs e xa contamos con tres (en 1º, 2º e 3º ESO). Lourdes Garrido, profesora de Lingua e Literatura Castelá e membro do Equipo da Biblioteca, é quen coordina as lecturas e actividades complementarias dos diferentes clubs.

     Durante o 1º trimestre do curso realizáronse as seguintes actividades:

     CLUB DE LECTURA DE 1º ESO:
  • Venres 2 de novembro: lectura dramatizada de breves pezas da obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora (IV).
  • Venres 23 de novembro: comezo da lectura dramática e caracterización dos personaxes de La Ratonera, de Agatha Christie, coa proxección previa do Book Trailer realizado o curso pasado.


     CLUB DE LECTURA DE 2º ESO:
  • Xoves 16 de novembro: lectura dramatizada de breves pezas da obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora (IV).

     CLUB DE LECTURA DE 3º ESO:
  • Mércores 31 de outubro: lectura da obra teatral Farsa Plautina, de Agustín Magán, para preparar a lectura de La Celestina, que será a lectura monográfica durante o 2º e 3º trimestre.

  • Mércores 21 de novembro: lectura dramatizada de breves pezas da obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora (IV) e representación de tres deses pezas no acto organizado o luns 26 de novembro no noso centro para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
    • Mándame un Whatsapp de Fernando J. López.
      • Interpretada por Antía e Carla.
    • Masculino y Femenina de Pilar Zapata.
      • Interpretada por Gisela, Alba, Sara e Víctor.
    • Pareja con tenedor de Jesús Campos.
      • Interpretada por Santi e Paula. 

6/24/2018

Excursión dos clubes de lectura a Celanova

     O pasado venres 22 de xuño fomos de excursión a Celanova os participantes nos clubes de lectura de 1º e 2º ESO: Andrés, Alex, Breixo, Iria, Jesús, Joel, José, Maica, Noa, Pedro, Víctor, Xoán, Alba, Antía, Diana, Gisela, Sara e Víctor, acompañados polas profes Lourdes e Olalla.
     
     A nosa primeira visita en Celanova foi á "Casa dos Poetas", a casa familiar de Manuel Curros Enríquez, formada por dous edificios: un coa estrutura dunha casa tradicional galega, onde se conserva a lareira e a cheminea e outro, con características máis urbanas, ao que pertence a fachada.

     Alí guiáronnos por unha exposición que repasa a vida e a obra do autor, e momentos tan importantes como a chegada do tren a Ourense, a emigración a Cuba ou a creación da Real Academia Galega. Na exposición tamén se fai un achegamento a outros autores celanoveses como Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín que, xunto a Curros, dan nome ao lugar: "Casa dos Poetas".
     
     Aproveitamos a nosa visita para interpretar todos xuntos a versión "Aí vén o maio" de Luis Emilio Batallán. A guía que nos acompañou sacounos unha fotografía e, ao día seguinte, o Club de Lectura do IES Illa de Ons saiu no xornal de La Voz de Galicia por ser o último centro deste curso en visitar a casa de Curros.


MAIO

Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra

     A continuación paseamos pola vila. Achegámonos ata a Praza Maior, na que hai unha fonte do século XVIII, visitamos o claustro barroco do Mosteiro de San Salvador e a capela mozárabe de San Miguel.

     O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a refrescarnos no río Arnoia. Este, sen dúbida, foi un dos momentos máis divertidos da xornada onde non faltaron xogos, chapuzóns e moitas risas.

     Para finalizar a nosa viaxe e relaxarnos un pouco fomos ás termas de Outariz, situadas á beira do río Miño, en Ourense. Alí estivemos a remollo nas distintas pozas de auga fría e quente que resultan tan pracenteiras que algún case queda durmido.





   Quedamos todos e todas con desexos de repetir!

6/06/2018

Emigrantes de Shaun Tan

     A última proposta deste curso para o club de lectura é a novela gráfica Emigrantes, de Shaun Tan. 

"Esta atípica e extraordinaria novela gráfica desdebuxa as fronteiras entre a realidade e a fantasía para plasmar a experiencia da emigración. O anónimo emigrante parte dunha realidade coñecida (coa cal o lector se identifica) e chega a un mundo no que, unha vez superadas as fronteiras, todo lle parece (e parécenos) novo e estraño. Ao identificar a patria de acollida cun lugar fantástico, Shaun Tan crea unha sensación de estrañeza, incompresión e fascinación que marca o clímax do libro. A simboloxía adquire unha notoria e sutil presenza, e na narración articúlanse distintas voces que constrúen unha imaxe tan impresionante como próxima da emigración." Reseña de Canal Lector
      Para ir abrindo boca, amosámosvos un proxecto de sonorización da primeira parte da novela, realizado por Tomás Mejía Londoño e musicado cunha Gnossienne de Erik Satie.


     Como actividade complementaria á lectura, a coordinadora do club está a organizar unha excursión a Celanova para visitar, entre outras cousas, a Casa Museo de Manuel Curros Enríquez, unha das figuras máis destacadas da emigración galega.

5/10/2018

Cantos que veñen de lonxe

     A seguinte obra, que ademais de ler escoitaremos, será o libro-CD Cantos que veñen de lonxe de Xosé Neira Vilas.  Trátase dunha recompilación de doce poemas, escritos por Xosé Neira Vilas e musicados en 1960 en Montevideo polo tenor celanovés Xervasio Vázquez, e que nesta ocasión son interpretados polo tenor Cesáreo Torres acompañado ao piano por Alejo Amoedo.


     
     O autor de Memorias dun neno labrego centrou as súas obras no mundo rural de Galicia e na emigración, na que tantos anos pasou. Como el mesmo escribiu "Estes versos conteñen desacougos, saudade, ansias reivindicativas, amor á patria afastada. Escribinos cando levaba sete anos emigrado, e fixéronse canto da man doutro emigrante".
     
     Como actividade complementaria á lectura desta obra e da novela gráfica Emigrantes de Shaun Tan, que traballaremos en 2º ESO, organizaremos unha saída didáctica a Celanova, terra de Curros Enríquez, outra figura da emigración galega.

4/20/2018

El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora.

     Desde 2011 a Asociación de Autores de Teatro vén publicando un volume por ano desta colección de textos teatrais breves, dedicado ao público novo. Durante o vindeiro mes faremos algunhas xuntanzas para levar a cabo lecturas dramatizadas a partir destas pezas curtas, que tamén serán traballadas na materia de Oratoria en 1º e 2º ESO. 


Os títulos incluídos neste volume son os seguintes:
 
"El hombre en la encrucijada" de Tomás Afán.
"Descabezada" de Inmaculada Alvear.
"Moto nueva" de María Jesús Bajo.
"La decisión de Patricia" de Poli Calle.
"¡Cómo mola el Molière!" de Pedro Catalán.
"Huering" de Alberto de Casso.
"Llueve" de Javier de Dios.
"La noche de los lápices" de Luis Fernando de Julián, 
"Famosos" de Ignacio del Moral.
"Justos por pecadores" de Rita Forlani.
"La novia tiene un síncope" de Yolanda García Serrano.
"Conmoción y pavor"de Guillermo Heras.
"Firmas" de Juan Pablo Heras.
"Cinco minutos en el paraíso" de Raúl Hernández Garrido.
"No habrá otro septiembre" de Fernando J. López.
"Quiero vivir" de José Alberto Maestro.
"Futuro" de José Aurelio Martín.
"Una milésima de segundo" de Juan Luis Mira.
"El gancho" de Miguel Murillo.
"La mujer árbol" de Itziar Pascual.
"Un mundo a la vista" de Ramiro Pinto Cañón.
"Taxi" de Alfonso Plou.
"La zapatilla voladora" de Susana Sánchez.
"El otro Carlos" de Antonio Tabares.
"Debate" de Enrique Torres Infantes.
"El mioma" de Pilar Zapata.

4/15/2018

Casa O’Rei

     A seguinte lectura do Club será a obra teatral Casa O’Rei de Santiago Cortegoso. O autor propón con este texto un xogo escénico a partir do Rei Lear de William Shakespeare, ambientado aquí nunha típica casa de comidas galega.

     Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

     Ibuprofeno Teatro está actualmente de xira con esta obra teatral. Miguel Borines, Vitoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García (profesora de música do noso centro), Víctor Mosqueira e Xosé Manuel Esperante, dan vida aos personaxes baixo a dirección de Santiago Cortegoso.

4/09/2018

María Reimóndez visita o noso centro

     O alumnado de 1º e 2º ESO leu, o pasado trimestre, a novela xuvenil Corredora da autora María Reimóndez.


      Como actividade complementaria á lectura, e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convidamos a María Reimóndez para comentar a obra e falar das súas experiencias co proxecto Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega que fundou en 1998 e da que foi presidenta durante varios anos.
     



3/23/2018

Mesa redonda sobre MAUS

        A pasada semana tivo lugar na biblioteca do centro unha mesa redonda para comentar a obra de Art Spiegelman MAUS. Nela participaron algunhas alumnas e alumnos do club de lectura de 4º ESO A: Lucía López, Daniel Hermelo, Lucía Nogueira e José Luís Paz. Xoán, profesor de Lingua e Literatura Galega, foi o encargado de dirixir este debate. 


3/16/2018

2º ESO le A rateira

     O mércores pasado, algúns alumnos e alumnas de 2º ESO, acompañados por Lourdes (coordinadora do club de lectura) animáronse a quedar pola tarde para ler A rateira. Coma sempre, pasárono en grande!


3/02/2018

Dramatización da obra A rateira de Agatha Christie

     O alumnado de 1º ESO que forma parte de club de lectura, acompañado polas coordinadoras do club e da biblioteca, reuniuse na tarde de onte no centro para facer unha actividade de lectura, caracterización e dramatización da obra A rateira de Agatha Christie. 
     
     O seguinte vídeo resume esta actividade na que non faltaron risas, sorpresas e unha merendola!


2/16/2018

A rateira

     A seguinte lectura proposta para o alumnado do club é "A rateira" de Agatha Christie, unha obra de teatro ambientada na década dos corenta nunha casa de hóspedes ás aforas de Londres. Os protagonistas da obra quedan incomunicados pola neve e a noticia dun crime cometido en Londres, provoca tensións e sospeitas entre eles. 

     
     Para motivar ao alumnado a ler a obra, o equipo da biblioteca creou este book trailer que foi proxectado hoxe durante o recreo no noso centro. Os protagonistas son profesores, profesoras e o responsable da cafetería, aos que queremos agradecer a súa participación e profesionalidade.

1/17/2018

Corredora de María Reimóndez, seguinte lectura do club.


     
     O alumnado de 2º ESO comezará a ler Corredora, unha novela xuvenil da autora María Reimóndez que trata a historia de Genet Mullugueta, unha nena etíope á que lle encanta correr pola montaña. A fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai a pedir esmola nas rúas da cidade. Alí coñece a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que lle propón adestrarse e cambiar a súa vida por completo.
     
     Corredora é unha historia colectiva de superación deportiva. Recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre as crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades.
     
    Como actividade complementaria á lectura, e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convidaremos a María Reimóndez para comentar a obra e falar das súas experiencias co proxecto Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega que fundou en 1998 e da que foi presidenta durante varios anos.

1/09/2018

Maus

     Este trimestre, o alumnado do club de lectura de 4º ESO lerá Maus: Relato dun sobrevivente, unha novela gráfica do historietista estadounidense Art Spiegelman na que o autor entrevista ao seu pai acerca das súas experiencias como sobrevivente do Holocausto. Nesta obra as razas humanas represéntanse a través de diferentes tipos de animais: xudeus como ratos, alemáns como gatos e polacos non xudeus como porcos.


     En 1992, Maus converteuse na primeira novela gráfica en gañar un premio Pulitzer.