Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

5/07/2025

Ocho señales

      O alumnado do club de lectura de 3º e 4º ESO leu “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte”, un libro que relata en primeira persoa a terrible experiencia de violencia machista de Noelia Míguez Vázquez.


     Onte Noelia visitou o Illa de Ons para transmitir ao noso alumnado os sinais que nos deben alertar ante unha posible situación de violencia de xénero e como deberiamos actuar ante eles. Contou a súa historia de maltrato sufrida con pouco menos de 20 anos, desde os primeiros desplantes ata as oito navalladas que unha noite case rematan coa súa vida, e do duro proceso de recuperación para poder vivir de novo sen medos.

4/14/2025

Veinte mil leguas de viaje submarino


     A lectura desta adaptación de Veinte mil leguas de viaje submarino, de Julio Verne, serviunos para traballar co alumnado de 1º ESO distintos aspectos da obra e propor un debate no que se analizaron as características dos distintos personaxes: a moralidade e a procura da xustiza na figura do Capitán Nemo ou a cooperación e a lealtade entre o profesor Pierre Aronnax, o seu criado Conseil e o arpoador Ned Land, que lles permite superar as adversidades ás que se enfrontan. Falamos tamén da fraxilidade dos ecosistemas mariños e da importancia da súa conservación, así como dos avances científicos e tecnolóxicos da época, como a construción do Nautilus ou os inventos do Capitán Nemo.

    Como actividade complementaria á lectura, o alumnado visitou o Museo Massó e participou nunha serie de propostas relacionadas coa navegación e a orientación marítima. Puidemos ver unha exposición articulada ao redor da idea da conquista do mar, dedicada a disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval. Explicáronnos o funcionamento de distintos instrumentos de navegación, entre eles o astrolabio, usado para determinar a posición das estrelas e observar o seu movemento, medir distancias ou calcular a latitude a partir da hora. 

     Ademais, o alumnado fabricou un planisferio celeste (o astrolabio é un predecesor do moderno planisferio), a partir de dous discos de cartolina xiratorios, e fixeron prácticas de identificación de estrelas e constelacións. Tamén aprenderon a realizar distintos nós mariñeiros e a partir dun destes deseños elaboraron un chaveiro.

4/10/2025

Edgar Allan Poe

 

     En 3º ESO o alumnado leu dous relatos de Edgar Allan Poe:
  • O escaravello de ouro, un texto de aventuras e misterio, onde o protagonista, co seu amigo e un antigo escravo chamado Júpiter, tenta descifrar un criptograma que leva ao lugar onde está escondido un tesouro pirata.
  • Os crimes da rúa Morgue, relato no que o detective afeccionado Auguste Dupin resolve un asasinato brutal en París que a policía non logra explicar.
     En pequeno grupo, algúns alumnos e alumnas debateron sobre o que máis lles gustou de cada un dos dous relatos e sobre as dificultades atopadas na súa lectura. A maioría concorda en que o uso do autor de frases longas, referencias cultas e un vocabulario ás veces complexo, así como a densidade dos detalles técnicos, dificultou a súa comprensión xeral.