Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

3/17/2024

"A lebre mecánica" e "Que me pare o corazón se te esquezo"

 

    O club de lectura de 3º ESO xuntouse esta semana para falar de dous libros que tratan problemas que afectan na actualidade a moitos mozos e mozas, por un lado a ludopatía e as apostas en xogos ou competicións e por outro determinadas condutas perigosas nas redes sociais. "A lebre mecánica" de Ledicia Costas e "Que me pare o corazón se te esquezo" de Andrea Maceiras, permitiron adentrarnos en mundos moi perigosos e de fácil accesibibilade para a xuventude.    

As cousas entre Nana e Corvo ultimamente non van nada ben. Conseguiran construír un mundo onde compartían todo: películas, música, manga, videoxogos... Non querían separarse nunca. Mais iso era antes. Agora Corvo desaparece durante horas e non conta onde vai. Cando Nana lle pregunta que lle pasa, enfádase. No seu grupo de amigos ninguén comprende que lle sucede. Desde que empezou a ir en serio coas apostas semella outro. O que antes era pura diversión converteuse nun pesadelo. Case sen decatarse, Corvo acaba metido nunha rede de problemas da que semella imposible saír. 


Sinopse publicada pola Editorial Xerais 

 

    Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo. Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte. Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón. Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz. 

Sinopse publicada pola Editorial Xerais 

1/30/2024

O valo


  Para conmemorar a data de hoxe, Día da Paz, a coordinadora dos Clubs de Lectura propón para 1º ESO a obra “O valo”, de Carlos Labraña.

 

"No medio do deserto, o Soldadiño de Chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame xusto onde o mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, unha rapaza que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Peza dun único lance para dous personaxes coa guerra de Siria como pano de fondo, “O valo” propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades."


Sinopse publicada por Editorial Xerais


      Durante as vindeiras xuntanzas do club faremos unha lectura dramatizada, na que o alumnado caracterizarase interpretando os distintos personaxes da obra.


 

1/27/2024

Lecturas de Miserábeis

     Este curso retomamos no centro Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a nosa Comunidade Educativa traballou con grande dedicación durante os cursos 18/19 e 19/20. En marzo de 2020 a pandemia impediu a súa continuidade e agora o claustro do centro aprobou poñelo novamente en marcha, facendo partícipe ao alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais do IES Illa de Ons. 

     Desde a biblioteca seleccionáronse tres adaptacións da obra mestra de Víctor Hugo para a súa lectura nos grupos de 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO. Deste xeito facilitarase ao alumnado coñecer mellor a historia de Jean Valjean e dos personaxes de todas as clases sociais que o rodean, na Francia do século XIX.

10/28/2023

Subnormal. Unha historia de acoso escolar

 

   Este mes de outubro iniciamos as primeiras actividades dos clubs de lectura lendo a obra de banda deseñada "Subnormal", unha historia real de acoso escolar, guionizada por Fernando Llor e debuxada por Miguel Porto. Iñaki Zubizarreta, ex xogador de baloncesto que sufriu acoso durante a súa etapa escolar, é o protagonista deste durísimo relato ilustrado.

    Tras ler o libro organizamos na biblioteca dúas xuntanzas co alumnado de 1º ESO, nas que realizamos distintas actividades co obxectivo de rachar cos prexuízos e fomentar a empatía. Reflexionamos sobre os alcumes e sobrenomes que damos aos demais, os roles que podemos atopar na maioría de situacións de acoso e como debemos actuar para evitalas ou darlles unha solución. Por último fixemos unha posta en común dos sentimentos que espertou en nós a lectura deste libro.



6/18/2023

La voz que no cesa


    A última proposta de lectura para o club de 4º ESO foi "La voz que no cesa",  a biografía gráfica sobre Miguel Hernández de Ramón Pereira e Ramón Boldú. Tras a lectura tivemos ocasión de reflexionar sobre distintos aspectos da obra:

  • Os aspectos que nos chamaron a atención en termos de estilo visual.
  • Como se abordan temas como a guerra, o compromiso político e a poesía.
  • A importancia do contexto histórico e cultural na historia.
  • A mensaxe principal que o autor intenta transmitir.
  • O equilibrio no uso de imaxes e texto. Predomina un sobre o outro?
  • Os elementos visuais que axudan a transmitir as emocións e sentimentos dos personaxes na historia.
  • O impacto como novela gráfica no xénero e na representación da vida e obra de Miguel Hernández.

6/04/2023

Francisco Fernández del Riego

      O pasado mércores tivemos unha visita moi especial no Illa de Ons, Anxo Rajó veu presentar o libro "Francisco Fernández del Riego, galeguista de acción e cultura” da editorial Ir Indo, unha biografía escrita no 2000 por Xosé Luís Franco Grande, aumentada nesta edición por Anxo Rajó. Anxo profunda nesta revisión na vida e obra de Don Paco, completando o traballo de Franco Grande e coas aportacións de Marián Vidal e Bieito Ledo. 

     Despois da presentación o alumnado tivo ocasión de participar nun kahoot con preguntas sobre o libro e de conversar co seu antigo profesor para recordar vellos tempos. Os gañadores e gañadoras da proba foron agasallados coa biografía dedicada polo autor.

5/26/2023

Seguindo os pasos do capitán Nemo

Escultura do Capitán Nemo e buzos do Nautilus na praia de Cesantes

    O 18 de febreiro de 1868, o capitán Nemo chegaba á Ría de Vigo a bordo do Nautilus para facerse cos tesouros de Rande. O capítulo VIII da segunda parte do libro "20.000 leguas de viaxe submarina", dá a coñecer a batalla librada en outubro de 1702 durante a Guerra de Sucesión entre españois e ingleses e que deu como resultado o afundimento da “Frota de Ouro”, cargada con tesouros procedentes do continente americano.

     "O capitán levantouse e rogoume que o seguise. Obedecinlle, xa recuperado o meu sangue frío. O salón estaba escuro, pero a través dos cristais transparentes refulxía o mar. Mirei.

     Nun radio de media milla en torno ao Nautilus as augas estaban impregnadas de luz eléctrica. Víase claramente o fondo areoso. Homes da tripulación equipados con escafandras ocupábanse de inspeccionar bocois medio podrecidos, cofres desfeitos no medio de restos ennegrecidos. Das caixas e dos barrís escapaban lingotes de ouro e prata, fervenzas de piastras e de xoias. O fondo estaba sementado deses tesouros. Cargados do precioso botín, os homes regresaban ao Nautilus, depositaban nel a súa carga e volvían emprender aquela inesgotable pesca de ouro e de prata.

     Comprendín entón que estabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar no que se afundiron os galeóns fretados polo goberno español. Alí era onde o capitán Nemo cubría as súas necesidades e lastraba con aqueles millóns ao Nautilus."

     Pero o suposto tesouro de Rande non foi só froito da imaxinación de Julio Verne, senón que desde hai decenas de anos foron moitos os que tentaron a súa procura. Aínda que se descoñece o paradoiro dos seus tesouros e se os coñecidos como "Galeóns de Rande" seguen mergullados ou non entre a Illa de San Simón e a Ponte de Rande, o certo é que este lugar deu orixe a multitude de historias e lendas. 


     Como actividade complementaria á lectura do libro "20.000 leguas de viaxe submarina", esta semana viaxamos por mar desde Cangas ata a Enseada de San Simón para visitar o Museo de Meirande e coñecer o acontecido na famosa Batalla de Rande, o patrimonio industrial e histórico desta zona e os tesouros arqueológicos e culturais da época. A continuación desembarcamos na Illa de San Simón, unida á illa de San Antón por unha ponte, na que descubrimos a súa interesante historia como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos.

     Placa conmemorativa dedicada ao Capitán Nemo e á tripulación do Nautilus na Illa de San Simón

3/23/2023

Os nenos da varíola


     O alumnado de 2º ESO que forma parte do club de lectura reuniuse hoxe na biblioteca para debater sobre a obra de María Solar "Os nenos da varíola", unha novela baseada nun importante feito histórico, protagonizado por un grupo de nenos orfos que, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. A viaxe, organizada en 1803 polo doutor Balmis e coa importante participación da enfermeira Isabel Zendal, supuxo a primeira expedición sanitaria a nivel mundial.



3/15/2023

La ratonera



     Neste trimestre as xuntanzas do club de lectura co alumnado de 1º ESO centráronse na lectura do libro "La ratonera” de Agatha Christie. Na primeira sesión proxectamos un booktrailer da obra, protagonizado polo profesorado do noso centro, e realizamos lecturas compartidas para ir coñecendo as principais características dos personaxes. Nas seguintes xuntanzas o alumnado caracterizouse con distintos complementos para facer unha lectura dramatizada, poñéndose na pel dos oito protagonistas desta intrigante obra teatral.

3/09/2023

8 Señales. Cuestión de vida o muerte

   Este trimestre o alumnado do club de lectura de 4º ESO leu o libro “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte”, un libro que relata unha terrible experiencia de violencia machista. Hoxe tivemos un encontro literario no noso centro con Noelia Míguez Vázquez, vítima e autora do libro no que relata a súa propia historia.

-112 Galicia, ¿en qué le puedo ayudar?

 -Hola, me llamo Noelia Míguez Vázquez. Mi novio acaba de acuchillarme. Me estoy muriendo, me sangra mucho el cuello... 

-Noelia, veo que estás llamando desde el número 4 de Maravexás, en la casa de Jesús Varela Gondar. Tú vives en el número 8. ¿Ha sido él quien te ha agredido? 

-No, no... el señor Varela me está dejando pedir ayuda. Él es mi vecino. La agresión fue en la casa número 8 -explico atropelladamente-. ¡Por favor, venid rápido! ¡Sangro mucho por el cuello y por la garganta! 

-Noelia, la ambulancia está ya de camino a casa del señor Varela. Haz una cosa: enrolla una toalla y póntela en el cuello para intentar cortar la hemorragia. ¿Tienes algo clavado? -indaga la mujer desde la central de atención a las emergencias. -Sí. Debo de tener algo clavado en la cabeza, pero no sé el qué -contesto confusa. -Tranquila. No toques nada. Tapona las heridas del cuello y la garganta y espera a que lleguen los compañeros del 061.



 

12/23/2022

Os abrazos do mar

     O pasado luns 19 de decembro, Montserrat Villar, poeta e profesora no noso centro durante o curso 2020/2021, presentou o seu último libro de poemas "Os abrazos do mar" no Centro Social do Mar de Bueu.


     Ese mesmo día pola mañá, realizou un obradoiro de poesía co alumnado de 4º, no que afondou no proceso de creación poética a partir das experiencias vividas coa xente dos lugares nos que habita.

Desafío Naturnova

    Como actividade complementaria á lectura de "Veinte mil leguas de viaje submarino", onte viaxamos ata Vigo para visitar o Centro de Educación Ambiental Naturnova na sede de Afundación, un proxecto que busca promover a innovación e investigación no ámbito científico e tecnolóxico, co enfoque na sustentabilidade e o medioambiente. O alumnado participou na actividade Desafío Naturnova, no que ademais de visitar as salas sobre o universo, o noso planeta planeta e o ser humano e o seu medio, puido acceder ao interior dun simulador submarino. Nesta sala tivemos a oportunidade de mergullarnos no fondo das nosas rías para coñecer as especies que alí se agochan e a grande riqueza de ecosistemas e biodiversidade que temos nos nosos fondos mariños.



12/05/2022

Veinte mil leguas de viaje submarino

      Os días 28 de novembro e 5 de decembro comezamos coas primeiras actividades do club de lectura nos grupos de 1º ESO. Reunímonos co alumnado de 1º A e B na biblioteca despois do xantar, para ler e debater sobre distintos aspectos dunha das obras literarias máis coñecidas de Julio Verne, "Veinte mil leguas de viaje submarino".


     A coordinadora do club animou ao alumnado a analizar as características dos personaxes e dos seus nomes; tamén fixemos un repaso cronolóxico de diferentes momentos da obra a través de varias das súas ilustracións e estudamos as particularidades dalgúns dos animais mariños que aparecen no libro. Ademais realizamos unha lectura compartida dunha parte deste, intercambiamos impresións sobre distintos fragmentos e visualizamos un anaco da versión de debuxos animados de 1985, do director Warwick Gilbert.

11/02/2022

Buscando a Alaska

 Esta semana poñemos en marcha o club de lectura de 4º ESO coa novela xuvenil de John Green Buscando a Alaska. Os alumnos e alumnas do IES Illa de Ons (Bueu) e do IES A Paralaia (Moaña) participarán nunha serie de actividades programadas para o encontro que terá lugar o vindeiro luns 7 de novembro en Bueu.


5/18/2022

Violencia de xénero, suicidio e saúde mental

   Para rematar coas actividades do Club de Lectura deste curso académico, fixemos unha selección de lecturas de temática socialmente comprometida, coa idea de traballalas nos distintos grupos. A finais de trimestre estableceremos diferentes debates para analizar como foron abordados polos autores e autoras o tema da saúde mental, o suicidio ou a violencia de xénero.

4/07/2022

    O luns tivo lugar na biblioteca do noso centro un encontro literario dos grupos de 4º ESO con Eva Mejuto. Tras unha breve presentación do seu traballo xeral como escritora, a autora expuxo as súas motivacións para crear o relato de “Matilde”, premiado no XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares. Eva explicou como se desenvolveu o seu traballo de investigación sobre a figura da mestra Matilde Bares, que exerceu a docencia entre finais do século XIX e principios do XX nunha escola situada no barrio de Banda do Río na nosa localidade. 

     Durante o encontro, Eva Mejuto preguntou ao alumnado se coñecía a existencia desta muller e do seu importante labor educativo, non só no ámbito escolar senón tamén polo seu grande compromiso social, xa que polas tardes ensinaba a ler, a escribir, matemáticas básicas… aos veciños do pobo que decidían emigrar, co obxectivo de que tivesen unha formación mínima para ser capaces de saír adiante na súa nova vida. A autora animou ao alumnado a opinar e debater sobre varios temas que se tratan no libro, como a violencia silenciada que se exercía sobre as mulleres, o problema do analfabetismo, a situación social da época e a necesidade de emigrar. Tamén falou dos distintos personaxes que aparecen no libro, algúns deles reais, e a súa importancia no desenvolvemento do relato. Finalmente comentáronse as imaxes creadas por Bea Gregores para ilustrar “Matilde” e a súa importancia á hora de transmitir sentimentos utilizando distintos recursos visuais.


4/02/2022

Sonia Mirón visita o IES Illa de Ons

     A semana pasada visitou o noso centro a escritora Sonia Mirón, autora do libro Mi corazón en una caja de zapatos. O alumnado de 3º ESO asistiu a este encontro no que a autora explicou distintos aspectos desta obra e das súas outras novelas xuvenís, Si tú quieres y Un sol dentro de mí. 

    Os rapaces e rapazas que leron neste trimestre Mi corazón en una caja de zapatos fixéronlle distintas preguntas sobre o seu traballo como escritora, como cando empezou e escribir e que lle animou a facelo, en que ou quen se inspira para crear as historias e os personaxes, canto tempo lle leva escribir unha novela, se está a traballar xa na súa seguinte obra... 

3/16/2022

O segredo de Al´eume

     Os alumnos e alumnas de 1º da ESO inscritos no Club de Lectura leron este trimestre O segredo de Al’eume, de Pilar Ortega Pereiro, obra gañadora no IV Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.  Nunha xuntanza organizada a semana pasada na biblioteca, compartiron coa autora as súas opinións sobre este entretido libro e o alumnado do club aproveitou para facerlle preguntas acerca dalgunhas das historias e personaxes que aparecen nel, ademais doutras curiosidades sobre a súa actividade como escritora.



2/02/2022

Medo e Ben

     Despois de ler o curso pasado as novelas de Care Santos Mentira e Verdade, este trimestre en 3º ESO decidimos completar a triloxía e compramos algúns exemplares de Medo. Aínda non rematamos coa lectura e algúns xa está pedindo continuar con Ben, a precuela desta saga. 




12/16/2021

Nee Barros e Identidade

 

    Unha das actividades que o alumnado de 4º ESO, matriculado na materia de Valores, realizou este primeiro trimestre foi a lectura de Identidade, unha obra teatral escrita polo autor Nee Barros. Onte Nee visitou o noso centro, charlou co alumnado sobre a súa obra e aclarou distintos aspectos relacionados coa identidade de xénero e a diversidade sexual, resolvendo diferentes dúbidas plantexadas de xeito anónimo polos rapaces e rapazas.

     Ademais Nee colaborou cun grupo de rapazas na gravación dunha escena para un booktrailer sobre o libro Identidade, traballo proposto desde a materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual.