Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

2/24/2026

Mi corazón en una caja de zapatos


    O alumnado de 2º da ESO participou onte nun encontro literario coa escritora Sonia Mirón, autora da novela xuvenil Mi corazón en una caja de zapatos, obra que leron durante as últimas semanas. 

    Sonia falou sobre o proceso de creación desta obra e os sentimentos e conflitos que viven os seus personaxes, pero tamén das súas outras novelas e da súa traxectoria como escritora. Destacou que o seu labor como docente inflúe directamente na súa obra, xa que o contacto diario coa mocidade lle permite coñecer de primeira man as preocupacións e situacións que forman parte da súa realidade. Os temas que afectan á adolescencia como a autoestima, as relacións persoais, os conflitos familiares ou o acoso escolar convértense así en fonte de inspiración para crear personaxes e historias coas que os lectores e lectoras poden sentirse identificados.

    O alumnado tivo ocasión de facer preguntas sobre o oficio de escribir, os seus hábitos de lectura ou os seus referentes literarios e a autora respondeu animando aos mozos e mozas a ler, a escribir e a expresar as súas emocións a través das palabras.