Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

5/11/2026

A lei do mar

    Neste 3º trimestre o club de lectura de 4º ESO traballlou arredor da obra de Manuel Esteban A lei do mar. A proposta nesta ocasión consistiu na lectura do libro e a visualización posterior da súa adaptación en serie, co obxectivo de favorecer a comprensión crítica e a comparación entre ambos formatos. 

    En primeiro lugar, realizouse unha posta en común breve na que se lembraron os elementos principais da obra, como os personaxes, os conflitos e o papel simbólico do mar, ademais de formularse unha pregunta inicial para activar expectativas sobre a adaptación.

    Despois procedeuse ao visionado dalgúns fragmentos seleccionados, durante o cal o alumnado se centrou nas diferenzas respecto ao libro e na forma de transmitir a atmosfera e as emocións da historia.

    Posteriormente, realizouse un debate no que se compararon ambas versións, analizando as diferenzas máis relevantes, a fidelidade á obra orixinal e a transmisión da mensaxe principal.

4/14/2026

Burbullas de calma serena

 


No club de lectura de 1º ESO seleccionamos, para este 3º trimestre, a obra Burbullas de calma serena.

Organizamos entre o alumnado un debate sobre a importancia das emocións na novela e os principais conflitos presentes na trama. A continuación falamos dos personaxes principais e fixemos unha posta en común das ideas principais e das impresións que a cada alumno e alumna lles suscitou a lectura.

2/24/2026

Mi corazón en una caja de zapatos


    O alumnado de 2º da ESO participou onte nun encontro literario coa escritora Sonia Mirón, autora da novela xuvenil Mi corazón en una caja de zapatos, obra que leron durante as últimas semanas. 

    Sonia falou sobre o proceso de creación desta obra e os sentimentos e conflitos que viven os seus personaxes, pero tamén das súas outras novelas e da súa traxectoria como escritora. Destacou que o seu labor como docente inflúe directamente na súa obra, xa que o contacto diario coa mocidade lle permite coñecer de primeira man as preocupacións e situacións que forman parte da súa realidade. Os temas que afectan á adolescencia como a autoestima, as relacións persoais, os conflitos familiares ou o acoso escolar convértense así en fonte de inspiración para crear personaxes e historias coas que os lectores e lectoras poden sentirse identificados.

    O alumnado tivo ocasión de facer preguntas sobre o oficio de escribir, os seus hábitos de lectura ou os seus referentes literarios e a autora respondeu animando aos mozos e mozas a ler, a escribir e a expresar as súas emocións a través das palabras.

2/20/2026

Comerás flores

    En 4º ESO traballamos nesta avaliación a obra Comerás flores de Lucía Solla. O debate co alumnado comezou a partir da lectura da primeira frase do libro e cunha posta en común das primeiras impresións  sobre o impacto da dor pola morte do pai da protagonista. 

     Analizamos como a situación de vulnerabilidade de Marina facilitou a entrada de Jaime na súa vida e reflexionamos arredor dos mitos do amor romántico. Tamén falamos sobre a importancia da amizade como principal rede de apoio para a protagonista.

    Para rematar, realizamos unha dinámica con post-its de dúas cores na que o alumnado contrapuxo aqueles xestos que nun primeiro momento podían parecer mostras de atención ou afecto coa realidade de control e manipulación que se revelou posteriormente.

1/20/2026

A lavandeira de San Simón

     Esta semana realizamos unha actividade de lectura compartida co alumnado de 1º ESO do club a partir da obra A lavandeira de San Simón, desenvolvida tras a visualización da película San Simón no cine de Seixo no 1º trimestre do curso. A proposta permitiu establecer unha conexión entre o relato literario e o contexto histórico da illa de San Simón.

  A lectura deste libro resultou especialmente interesante para o alumnado, xa que permitiu resolver moitas das dúbidas que xurdiran tras o visionado previo da película. A actividade deu lugar a reflexións compartidas que axudaron a interpretar os acontecementos e a contextualizar mellor o momento histórico no que se desenvolve a historia. A través da lectura puideron afondar nos personaxes e descubrir detalles que non aparecían na adaptación audiovisual.

12/18/2025

Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea

 

      O alumnado de 2º de ESO participou nun club de lectura arredor do libro Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, da escritora Annabel Pitcher. Durante a sesión compartiron a súa opinión sobre a lectura e expresaron os sentimentos e emocións que espertou neles a historia. A continuación, sacaron distintos obxectos dun carriño da compra e asociaron cada un deles aos diferentes personaxes do libro, reflexionando sobre o seu significado. Para rematar a sesión, e tomando como punto de partida un fragmento do libro, traballaron en pequenos grupos na creación dunha nova historia, uns encargáronse de elaborar o nó, mentres que outros imaxinaron o desenlace. Nunha fase posterior, xuntarase o traballo de todos os grupos para dar forma a unha nova narración colectiva creada a partir da lectura compartida.


11/28/2025

El curioso indidente del perro a medianoche

 


     Para a 1ª xuntanza do club de lectura de 3º ESO seleccionamos a obra El curioso incidente del perro a medianoche, a partir da cal se realizaron diferentes actividades de comprensión, reflexión e expresión creativa. O alumnado participou nun debate inicial no que se comentaron as primeiras opinións sobre a narración e sobre a forma de percibir o mundo a través do protagonista.

      Posteriormente, realizouse unha actividade de empatía na que se analizaron situacións da vida cotiá desde a perspectiva do personaxe principal, o que permitiu reflexionar sobre a diversidade e as distintas formas de interpretar a realidade. Desenvolvéronse tamén debates sobre a confianza e as relacións familiares, que xeraron un interesante intercambio de opinións entre o alumnado.