Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

10/21/2026

Club de lectura manga

      O pasado luns celebramos a primeira xuntanza do noso club de lectura manga, na que participou alumnado de todos os niveis educativos e tamén catro profesoras. A sesión, guiada por Leire e Laura, de 4º ESO, foi unha oportunidade para comezar a coñecernos, compartir gustos e falar das nosas experiencias co manga e o anime.

     A finalidade desta iniciativa é crear un espazo distendido e participativo no que descubrir novas lecturas e aprender a valorar o manga como forma de expresión literaria e artística, independentemente da experiencia lectora de cada persoa.

    Durante a sesión, presentamos diferentes propostas de lectura e comentamos as súas historias e temáticas. Entre elas estaban:

  • Neon Genesis Evangelion I, de Yoshiyuki Sadamoto, unha obra de ciencia ficción e acción.
  • Goodbye, Eri, de Tatsuki Fujimoto, que aborda temas como a perda, a amizade e a memoria.
  • Tokyo Revengers, volume 1, de Ken Wakui, que combina acción, bandas xuvenís e viaxes no tempo.

     Despois de coñecer as distintas propostas, escollemos a lectura que máis nos chamou a atención para continuar a experiencia nas próximas xuntanzas. Dado o éxito de convocatoria e o interese espertado, a idea é organizar os vindeiros encontros en grupos máis reducidos, para favorecer a participación, o intercambio de opinións e unha conversa máis próxima arredor das obras.

Nenhum comentário: