Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

2/22/2019

Lecturas da autora Ledicia Costas


     O alumnado de 2º ESO traballou, neste segundo trimestre, sobre a figura da muller na ciencia e a literatura. Os libros de lectura seleccionados nesta ocasión foron A balada dos unicornios e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, da autora Ledicia Costas. A escritora viguesa foi Premio Nacional de Literatura e Xuvenil en 2015, ademais de ter acadado moitos outros recoñecementos ata o momento. Estas dúas lecturas gustaron moito ao noso alumnado que ademais tiveron a ocasión de coñecer á autora nunha charla coloquio organizada polo IES Johan Carballeira. 
A balada dos unicornios
     A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod, a protagonista da balada dos unicornios é unha nena mecánica (con ollos artificiais) que é unha verdadeira xenio, aínda que a súa tía Cornelia, que dirixe a escola en plan ditadora axudada por un exército de arañas hipnotizantes, non llo poña fácil para destacar. E é que Cornelia é unha bruxa, pero das de verdade. Practica maxia escura e encerrou a León, o mellor amigo de Ágata, para extraerlle pinga a pinga o seu caudal de maxia. Ademais, como aliado ten a unha especie de Jack o destripador, un asasino que desgarra ás súas vítimas sen piedade. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos.
 Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
     O 21 de maio de 1884 Jules Verne chegou a Vigo a bordo do seu impoñente iate. O afamado novelista levaba moito tempo atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Lograría por fin, logo de tantos anos de busca, atopalas naquela baía? Na botica do vello Philipot custódiase un importante segredo: alí, aparentando normalidade, viven a avoa Melisa e Violeta, dúas mulleres rodeadas dun halo de misterio. A chegada de Jules Verne á botica revolucionará as vidas desta singular familia. O tempo esgótase: a avoa Melisa está enferma e necesitan atopar unha cura. Mais hai ocasións en que non se pode loitar contra a forza da natureza. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta é unha homenaxe ás novelas de aventuras, unha viaxe no tempo cargada de maxia onde todo é posible.
Charla coloquio da autora
     Como actividade complementaria a estas dúas lecturas, os alumnos e alumnas de 2º ESO acompañados polos profesores Anxo e Xoán, de Lingua Galega e Literatura, asistiron a unha charla coloquio da autora, á que fomos convidados polo IES Johan Carballeira. Os libros que centraron o debate foron "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta", "A balada dos unicornios", "A señorita Bubble" e "As peripecias de Extravaganzza Pérez", historias nas que se mesturan a paixón pola literatura e a ciencia e que, por outra banda, teñen como obxectivo reivindicar a aportación da muller no saber científico.
Podedes ver imaxes do acto na seguinte entrada da biblioteca do IES Johan Carballeira.

2/17/2019

Cub de lectura compartido

     O pasado venres o club de lectura de 1º ESO A tivo uns invitados moi especiais, o voluntariado da Biblioteca do CEIP A Pedra, que visitaron o noso centro para compartir unha tarde de xogos e lecturas.

     Os rapaces e rapaces, acompañados polas súas profesoras Lina e Macu, achegáronse ao noso centro e, despois de comer no patio, divertímonos cos xogos organizados por Sabela, profesora de inglés do IES Illa de Ons. A continuación trasladámonos á biblioteca onde as alumnas Antía e Carla (de 3º ESO) fixeron unha lectura dramatizada da pequena peza teatral Mándame un Whatsapp de Fernando J. López (incluída na obra El tamaño no importa. Textos breves de aquí y de ahora - IV). Ademais, alumnos e alumnas de 1º ESO A interpretaron unha pequena obra de teatro, protagonizada por eles mesmos e escrita pola profesora Lourdes Garrido, coordinadora dos clubs de lectura. Finalmente compartimos algunhas risas coas imitacións e interpretacións improvisadas que realizaron rapaces e rapazas dos dous centros.

     Agardámosvos novamente cando queirades!