Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

3/10/2026

A lei do mar

    Neste 2º trimestre o club de lectura de 4º ESO traballlou arredor da obra de Manuel Esteban A lei do mar. A proposta nesta ocasión consistiu na lectura do libro e a visualización posterior da súa adaptación en serie, co obxectivo de favorecer a comprensión crítica e a comparación entre ambos formatos. 

    En primeiro lugar, realizouse unha posta en común breve na que se lembraron os elementos principais da obra, como os personaxes, os conflitos e o papel simbólico do mar, ademais de formularse unha pregunta inicial para activar expectativas sobre a adaptación.

    Despois procedeuse ao visionado de fragmentos seleccionados, durante o cal o alumnado se centrou nas diferenzas respecto ao libro e na forma de transmitir a atmosfera e as emocións da historia.

    Posteriormente, realizouse un debate no que se compararon ambas versións, analizando as diferenzas máis relevantes, a fidelidade á obra orixinal e a transmisión da mensaxe principal.

2/27/2026

Burbullas de calma serena

 


No club de lectura de 2º ESO seleccionamos, para este 2º trimestre, a obra Burbullas de calma serena.

Organizamos entre o alumnado un debate sobre o papel das emocións na novela e os principais conflitos presentes na trama. A continuación, identificáronse os personaxes principais e comentáronse as situacións máis significativas, rematando cunha posta en común das ideas principais e das emocións que lles suscitou a lectura.

2/20/2026

Comerás flores

 Proposta de actividade no club de lectura de 4º ESO despois da lectura da obra:

  •  Lectura da primeira frase do libro e posta en común das primeiras impresións do alumnado sobre o impacto do duelo na protagonista.

  • Análise de como a dor pola perda do pai deixa a Marina nun estado de desamparo e exposta á irrupción de Jaime.

  •  Debate sobre a diferenza de idade e as estratexias de manipulación para desmontar o mito do amor romántico.

  • Foco no personaxe de Diana e na importancia da amizade como a rede de apoio fundamental para a protagonista

  • Dinámica de Peche: post-its de dúas cores para contrapoñer os xestos que ao principio parecían "atentos" coa realidade de control que agochaban despois.


2/17/2026

A lavandeira de San Simón

     Realizouse unha actividade de lectura compartida co alumnado de 1º ESO do club a partir da obra A lavandeira de San Simón, desenvolvida tras a visualización da película San Simón no cine de Seixo no 1º trimestre do curso. A proposta permitiu establecer unha conexión entre o relato literario e o contexto histórico da illa de San Simón.

  A lectura deste libro resultou especialmente interesante para o alumnado, xa que permitiu resolver moitas das dúbidas que xurdiran tras o visionado previo da película relacionada coa obra. A través da lectura puideron comprender mellor os feitos narrados, afondar nos personaxes e descubrir detalles que non aparecían na adaptación audiovisual. Ademais, a actividade deu lugar a conversas e reflexións compartidas que axudaron a interpretar os acontecementos e a contextualizar mellor o momento histórico no que se desenvolve a historia.