Benvidos de novo a este espazo onde compartiremos as nosas experiencias lectoras con todos vós.
No presente curso formarán parte do club uns 40 alumnos/as distribuídos en dous grupos, un con alumnado de 1º de ESO e outro con alumnado de 4º ESO, mais a participación estará aberta ao resto do alumnado que desexe unirse en calquera momento do curso escolar.
Algunhas das actividades programadas son:
- Lectura de textos e intercambio de ideas e opinións sobre os mesmos, tanto novelas, como teatro e poesía.
- Lectura de novelas gráficas para fomentar a interpretación de narracións a través de imaxes.
- Dramatización de textos teatrais e caracterización de personaxes. Actividade con maior grado de motivación para o alumnado.
- Interpretacións sorpresa nas aulas, previo aviso ao profesor/a correspondente e contando coa autorización do mesmo/a.
- Análise dos aspectos máis relevantes das obras en cada reunión, na que se intercambiarán impresións para apreciar os posibles matices da lectura e expoñerase a opinión persoal sobre a mesma.
- Elaboración de hipóteses por parte do alumnado sobre a seguinte lectura a partir do título da mesma, anotar as diferentes expectativas e comparalas unha vez lida a obra.
- Lectura en común con outro club de lectura doutro centro da localidade ou da comarca e establecer un debate aproveitando a tecnoloxía dixital.
- Convocatoria dun concurso baseado na creación de finais alternativos a algunha obra literaria que escollan os membros do club.
- Escolla de fragmentos representativos, á vez que atractivos, de obras nas linguas que se imparten no IES e colocación en diferentes lugares do centro para que o resto do alumnado teña que adiviñar de que obra se trata.
- Realización de sesións de contacontos para o alumnado de Primaria dos centros adscritos e para os rapaces do propio centro.
- Utilización das novas tecnoloxías para o seguimento das actividades que se leven a cabo desde o club.
- Visita a algunha biblioteca e/ou libraria próximas para ver as semellanzas e diferenzas coa biblioteca do centro.
- Creación dun mapa de lecturas recomendadas ao longo do ano: lecturas apropiadas para cada estación, ou para as vacacións…
- Creación de rotas literarias establecendo libros ou pasaxes dos mesmos, así como poemas, adicados a determinados lugares do entorno do alumnado. Actividade coa aplicación AURASMA (realidade aumentada).
- Participación no blog onde os participantes poidan comunicar as súas experiencias lectoras.
- Asistencia a unha sesión de teatro escolar ou película relacionada coas lecturas....
Nenhum comentário:
Postar um comentário