Ons, a illa do tesouro

Robert Louis Stevenson escribiu que aquela illa gardaba un tesouro, e aquel neno non parou até dar con el.

Moitos nenos como aquel de Stevenson deron co tesouro da illa de Ons, desde Álvaro de las Casas a Staffan Mörling, e o tesouro daba que atopar: non estaba soterrado, nin agachado nunha adega, nin custodiado nunha fortificación. De feito o tesouro de Ons nin siquera se trataba dunha morea de xoias e moedas descansando dentro dun baúl medio enferruxado. Iso si, para atopalo era preciso ser un pouco neno, deixarse emocionar, sintonizar coa emisión das súas ondas.

6/11/2025

Adeline

     No 3º trimestre, en 1º ESO, lemos Adeline, unha homenaxe moderna de María Solar a Carmilla, o primeiro clásico de vampiros.

    Tras a lectura da obra lanzáronse as seguintes preguntas sobre a obra para establecer un debate:

  • Que parte do libro che pareceu máis dura?
  • Se puideses falar con Adeline, que lle dirías?
  • Cres que é importante contar historias como esta? Por que?
  • Que valores transmite a historia de Adeline?

     Propúxose ao alumnado analizar os movementos forzados da protagonista e comprender a realidade dos exilios, localizando nun mapa todos os lugares polos que pasou Adeline e investigar brevemente sobre os campos de concentración franceses, o papel das mulleres refuxiadas, ou a represión franquista. Tamén falamos sobre o papel das mulleres na medicina durante o século XX, e como Adeline, como profesional da saúde, rompe estereotipos da súa época.

5/21/2025

O que sei do silencio

    Despois da lectura da obra O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, reflexionamos no club de 2º ESO arredor dos temas principais que se tocan na novela: o acoso escolar e as súas consecuencias, a responsabilidade individual fronte á inxustiza, o prezo do silencio, a amizade, a culpa, o perdón…


Algunhas das actividades propostas complementarias á lectura foron:

- A elaboración dun diario onde cada alumno e alumna debía escribir varias entradas como se fosen Uxía, desde o momento no que volve ao instituto ata o final da charla, e reflectir nel os sentimentos vividos.

- Por parellas, o alumnado creará diálogos como se fosen Uxía ou Andrea para gravar un podcast. O texto debe conter emocións que nunca chegaron a verbalizarse: culpa, dor, medo, desexo de amizade, etc.


5/07/2025

Ocho señales

      O alumnado do club de lectura de 3º e 4º ESO leu “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte”, un libro que relata en primeira persoa a terrible experiencia de violencia machista de Noelia Míguez Vázquez.


     Onte Noelia visitou o Illa de Ons para transmitir ao noso alumnado os sinais que nos deben alertar ante unha posible situación de violencia de xénero e como deberiamos actuar ante eles. Contou a súa historia de maltrato sufrida con pouco menos de 20 anos, desde os primeiros desplantes ata as oito navalladas que unha noite case rematan coa súa vida, e do duro proceso de recuperación para poder vivir de novo sen medos.

4/14/2025

Veinte mil leguas de viaje submarino


     A lectura desta adaptación de Veinte mil leguas de viaje submarino, de Julio Verne, serviunos para traballar co alumnado de 1º ESO distintos aspectos da obra e propor un debate no que se analizaron as características dos distintos personaxes: a moralidade e a procura da xustiza na figura do Capitán Nemo ou a cooperación e a lealtade entre o profesor Pierre Aronnax, o seu criado Conseil e o arpoador Ned Land, que lles permite superar as adversidades ás que se enfrontan. Falamos tamén da fraxilidade dos ecosistemas mariños e da importancia da súa conservación, así como dos avances científicos e tecnolóxicos da época, como a construción do Nautilus ou os inventos do Capitán Nemo.

    Como actividade complementaria á lectura, o alumnado visitou o Museo Massó e participou nunha serie de propostas relacionadas coa navegación e a orientación marítima. Puidemos ver unha exposición articulada ao redor da idea da conquista do mar, dedicada a disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval. Explicáronnos o funcionamento de distintos instrumentos de navegación, entre eles o astrolabio, usado para determinar a posición das estrelas e observar o seu movemento, medir distancias ou calcular a latitude a partir da hora. 

     Ademais, o alumnado fabricou un planisferio celeste (o astrolabio é un predecesor do moderno planisferio), a partir de dous discos de cartolina xiratorios, e fixeron prácticas de identificación de estrelas e constelacións. Tamén aprenderon a realizar distintos nós mariñeiros e a partir dun destes deseños elaboraron un chaveiro.

4/10/2025

Edgar Allan Poe

 

     En 3º ESO o alumnado leu dous relatos de Edgar Allan Poe:
  • O escaravello de ouro, un texto de aventuras e misterio, onde o protagonista, co seu amigo e un antigo escravo chamado Júpiter, tenta descifrar un criptograma que leva ao lugar onde está escondido un tesouro pirata.
  • Os crimes da rúa Morgue, relato no que o detective afeccionado Auguste Dupin resolve un asasinato brutal en París que a policía non logra explicar.
     En pequeno grupo, algúns alumnos e alumnas debateron sobre o que máis lles gustou de cada un dos dous relatos e sobre as dificultades atopadas na súa lectura. A maioría concorda en que o uso do autor de frases longas, referencias cultas e un vocabulario ás veces complexo, así como a densidade dos detalles técnicos, dificultou a súa comprensión xeral.

2/18/2025

REDES

    Despois de ler no 1º trimestre Invisible, de Eloy Moreno, escollemos como seguinte lectura de 2º ESO a obrRedes, coa idea de fomentar a lectura crítica, a reflexión emocional e a conexión entre os temas centrais das dúas novelas: o acoso escolar, a identidade, a amizade e o impacto das redes sociais.


  • Propúxose ao alumnado facer unha análise comparativa das dúas obras, relacionando os temas principais e reflexionando sobre a evolución da narrativa e da mensaxe do autor. Por parellas, o alumnado debía identificar:
    • O conflito central.
    • Os sentimentos dos protagonistas.
    • O papel dos demais personaxes.
    • Como inflúen os medios ou a súa ausencia na historia: invisibilidade / sobreexposición.
  • A partir desta última idea establecemos un debate arredor deses dous extremos, invisibilidade e hipervisibilidade, co fin de estimular o pensamento crítico arredor da identidade dixital e a presión social. O alumnado debía apoiar os seus argumentos con exemplos das obras e experiencias reais (persoais ou coñecidas).
  • Propúxose elaborar en grupo un produto audiovisual reflexionando sobre o uso responsable das redes sociais, que incorporase unhas normas de comportamento en redes, protocolos de denuncia de contido ofensivo e espazos de apoio para quen se sente acosado/a.

6/03/2024

A volta ao mundo dun forro polar vermello


      A volta ao mundo dun forro polar vermello, de Wolfgang Korno, libro que recibiu o premio alemán ao mellor libro xuvenil de divulgación científica, seleccionouse como lectura do club coa intención de axudar ao alumnado a cuestionar as relacións que se establecen no comercio do mundo globalizado. Dada a importancia e interese do seu contido, a coordinadora dos clubs decidiu propoñelo como lectura obrigatoria nos dous grupos de 4º ESO.

Neste labirinto do mercado internacional serve de fío narrativo a historia dun escritor que ve na televisión a un inmigrante a bordo dun caiuco vestido cun forro polar vermello que el mesmo tirara ao colector uns meses atrás. Como chegou o seu forro polar a esa persoa? E como se fabricou a peza e chegou ao armario do escritor?


 


Tras a súa lectura preguntámonos distintas cuestións como de onde vén a tea da camiseta que levamos posta ou quen a coseu e en que circunstancias ou onde se fabricou o caderno que temos enriba da mesa.


Por último, cada integrante do club, realizou un pequeno discurso ("elevator pitch") de vinte segundos, escollendo previamente o tema de debate: globalización, explotación laboral, emigración, etc. Temas que foron tratados ao longo do libro de forma moi documentada.